FAQs | Enlaces | Idioma:    
Noticias
Eventos
Portada
Búsqueda:
Noticias

Santiago acollerá unha nova edición do Fórum Gastronómico

Tras o éxito obtido en 2008, con máis de 15.000 visitantes e máis de 150 expositores, o Fórum trasládase ao Recinto Feiral de Santiago. 6.000 m2 de espazo expositivo no que estarán presentes algunhas das mellores empresas do sector enogastronómico.

Organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend & Associats, o Fórum celebrará a súa décimo primeira edición coa participación de expertos da cociña actual coma Ferran Adrià (Cataluña), os irmáns Joan e Josep Roca (Cataluña), Eneko Atxa (Euskadi), Pedro e Marcos Morán (Asturias), Pierre Gagnaire (Francia), Ernst Knam (Milán), Jacob Mielcke (Dinamarca), Bernard Lahousse (Bélxica) e Chakall (Portugal), entre outros.

O interese espertado entre os profesionais do sector está a ser elevado. A pesar da crise económica que está afectando a todo o sector congresual na actualidade, o Fórum Gastronómico ten xa ocupado o 80% do espazo feiral da exposición.

Un programa para todos os gustos

O programa deste ano dá un paso máis na fórmula creada por Fórum Gastronómico. Adquirirán máis protagonismo os obradoiros (celebraránse ata oito diarios) onde destacados profesionais cociñarán en directo e ofrecerán, ao final da sesión, unha degustación aos asistentes. Ademais, o Auditorio do Fórum ofrecerá sesións máis curtas e pensadas de forma complementaria aos obradoiros para poñer ao alcance de todos os relatores máis destacados.

Tamén se manteñen os Diálogos sobre temas de actualidade e interese para o sector, o FórumViño, o FórumDoce e o eFórum, coa celebración do III Encontro Europeo de Bloggers Gastronómicos e a entrega do I Premio á Internet Gastronómica.

Fin de semana

O sábado, o Fórum sae do recinto e se traslada á cidade onde se farán numerosas actividades como catas con maridaxe, o II Concurso de Pulpeiras, visitas guiadas temáticas (tour gastronómico), o ciclo de cine gastronómico, a exposición ad hoc ’Memorias da Cociña Galega’ e os obradoiros ’merco e cociño con...’ no Mercado de Abastos, onde será posible facer a compra con prestixiosos chefs e cociñar con eles.

O domingo, xa no Recinto Feiral de Santiago, os amantes da gastronomía poderán percorrer o recinto feiral e gozar de sesións e actividades especialmente pensadas para eles, incluído o popular Fórum Nenos.

O programa definitivo darase a coñecer en datas próximas nun acto de presentación en Santiago de Compostela. Entrementres, o evento xa puxo en marcha a páxina web http://www.forumsantiago.com/ e ten o seu propio perfil nas redes sociais twitter e facebook, onde xa conta con máis de 600 seguidores.

O Fórum Gastronómico Santiago 2010 é un evento promovido polo Concello de Santiago, a Asociación Hostalería Compostela e a Cámara de Comercio e organizado por Turismo de Santiago e Pep Palau, von Arend & Associats. Os seus patrocinadores institucionais son a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago. E como patrocinadores privados ten a Estrella Galicia, Cabreiroá, El Corte Inglés, Paradores, Rosareiro e Angelo Po.


[10/11/2009 13:39:34]



Voltar

2004 © www.compostelafilm.com
aviso legal, política de privacidade