FAQs | Enlaces | Idioma:    
Portada
 
Silencio, ródase

Suso del Toro
O cine é a invención dunha realidade nova, cada película inventa unha vida, reinventa a vida. E Santiago é pura realidade inventada. Santiago foi unha "inventio", que quere dicir "descubrimento" e tamén "creación". Santiago, a cidade fonte de tantos outros Santiagos polo mundo, é unha creación que é mito relixioso, lenda, historias e Historia. Pura memoria, pura linguaxe. A cidade toda acumula en estratos superpostos unha parte da civilización europea, dos sepulcros e castros celtas á romanización, ó reino suevo xermano, ó descubrimento da tumba máxica pola Europa de Carlomagno, o Sacro Imperio, e de aí á catedral que coroou reis de Galicia e un "Imperator Hispaniae", e á metrópole que foi o argumento común dos europeos e que aparece citado polo Dante, Shakespeare e Goethe.

Santiago é un labirinto de pedra, o núcleo duro dun país aberto e antigo, o noroeste peninsular, do que naceron os dous estados peninsulares. E esa cova milagrosa que centra a cidade é unha fonte perpetua de suxestión histórica e de lendas vellas e novas. O seu argumento esencial é que a vida é transcendente, que se abre en todas direccións e que só se comprende coa imaxinación.

Santiago é unha cidade que, como todas, se vai transformando nun lugar turístico cada vez máis asentado e familiar para a xente, pero aínda así conserva o seu poder esencial de suxerir que calquera historia é posible aquí.

Suso de Toro
Escritor
Voltar

2004 © www.compostelafilm.com
aviso legal, política de privacidade